Monday 29 de April de 2024

Isabel Zendal, figura destacada na I Romaría Cultural Presa de Castenda


En homenaxe a Isabel Zendal, pero tamén como chamamento para reclamar a súa reparación, esta fin de semana celebrouse a I Romaría Cultural Presa de Castenda. O dito encoro foi construído polos veciños e veciñas no ano 1871. Hai cinco anos sufriu importantes danos tras a enchente do río Lengüelle e a acumulación de vexetación no seu leito.

Entre os actos e actividades programadas houbo unha charla co investigador Antonio López Mariño, voz experta na chamada Expedición da Varíola e da figura de Isabel Zendal, oriúnda da parroquia de Parada, lugar onde se atopa o encoro. O artista coruñés Daniel Remeseiro fixo unha instalación artística na carballeira de Numide dedicada tamén á enfermeira filla predilecta do municipio ordense. Ademais, moitas das persoas asistentes participaron nun baño lúdico, mentres que outras repuxeron algunhas pedras da presa como un acto simbólico para demandar a súa recuperación e a do seu contorno. Tampouco faltou un gran xantar popular con bo viño e leitón asado.

A ruta prevista pola Vía Verde do Lengüelle tivo que ser posposta debido ao mal estado de moitos treitos, a cal transcorre dende o concello de Cerceda ata o de Santiago.